Asia é un continente heteroxéneo, con gran diversidade de tradicións culturais, de modelos socio políticos e de niveis de desenvolvemento económico.  A incorporación de millóns de persoas á actividade produtiva, ó consumo e ás redes da economía global foron claves no ascenso dos países emerxentes a un lugar preeminente na economía e a política mundiais.
Na actualidade, a rexión engloba máis da metade da poboación mundial e produce un terzo da riqueza do noso planeta. Prevese que, no ano 2050, máis da metade da produción global provirá dese continente. Ademais, Asia é un centro de primeira orde en ciencia, tecnoloxía e innovación, cun peso global que crecerá cuantitativamente nos próximos anos.
Relacións bilaterais de España cos países asiáticos
Pola súa propia dimensión e polo seu dinamismo, Asia é un continente no que necesita estar presente calquera país que queira ter protagonismo nas dinámicas globais contemporáneas. Así, a aposta de España por Asia nos ámbitos político, económico, científico ou social obriga a fortalecer a nosa presenza na rexión e a dotarnos dos instrumentos de análises e acción adaptados ás novas realidades en Asia.
Con este obxectivo, en 2022 nomeouse a un Embaixador en Misión Especial para o Indo-Pacífico encargado de estudar como defender, dentro prioridades da Estratexia europea, os intereses de España e traballar polo protagonismo de España e a UE na rexión.
- Asia Oriental: España converteu as relacións con Asia Oriental nun dos piares da súa política exterior. Iso traduciuse nun achegamento a países como China, Xapón ou Corea do Sur. Os contactos políticos son habituais, as relacións económicas multiplicáronse e os vínculos entre as sociedades civís son crecentes.
- Asia Central e Meridional: Adicionalmente, España incluíu ós países que compoñen as rexións de Asia Central e Asia Meridional nos parámetros da súa política exterior, cun achegamento cada vez máis activo, considerando a relevancia de grandes potencias rexionais como India. Con respecto ós países do Sueste Asiático e países membros de ASEAN, as relacións bilaterais incrementaron dunha maneira tanto cuantitativa como cualitativa; do mesmo modo, tamén se intensificou a axenda política, sen esquecer en concreto a Filipinas, coa que tantos lazos históricos e culturais nos unen. 
- Pacífico Sur: Respecto ás relacións de España co Pacífico Sur debemos subliñar que o noso país mantén relacións diplomáticas con tódolos Estados, entre os que destacan  Australia e Nova Zelandia polo seu peso xeopolítico na zona. España desenvolve na actualidade unha política activa, sendo «socio de diálogo» do Foro de Illas do Pacífico (PIF).
 ![]() O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, e o ministro de Asuntos Exteriores da República Popular China, Wang Yi reúnense no Alcázar de Córdoba o 18 de febreiro de 2024. 
 O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, e o ministro de Asuntos Exteriores da República Popular China, Wang Yi reúnense no Alcázar de Córdoba o 18 de febreiro de 2024. 
 
 
Estratexia da UE para o Indo-Pacífico
España recoñece a centralidade do Indo-Pacífico e optou por ser un actor activo na implementación da Estratexia de Cooperación da UE para o Indo-Pacífico, lanzada oficialmente en setembro de 2021 e que ten uns eixes centrais que son a interdependencia entre ambas as rexións e as súas economías, a loita conxunta contra o cambio climático, así como a defensa da democracia e os dereitos humanos nesta rexión do mundo. 
Doutra banda, en novembro de 2023 a Unión Europea asinou coa Organización de Estados de África, o Caribe e o Pacífico (OEACP) o acordo de Samoa, que se articula como o instrumento principal para orientar as relacións políticas, económicas e de cooperación da UE con 79 países do denominado «Sur Global», entre eles 47 países de África, 16 países do Caribe e 15 países do Pacífico, ademais da República de Maldivas.
Este acordo recolle obxectivos esenciais para a relación UE-ACP e a súa proxección internacional, como son a contribución á consecución dos ODS e ó Acordo de París, a promoción e a protección dos dereitos humanos, a construción de Estados e sociedades pacíficos e resilientes, o fomento do desenvolvemento humano e social, o apoio ó desenvolvemento do comercio e á mobilización de investimentos, e unha migración e mobilidade seguras, ordenadas e regulares.
 ![]() O ministro Albares co seu homólogo indio, Subrahmanyam Jaishankar, o 13 de xaneiro de 2025 no Palacio de Viana.
  O ministro Albares co seu homólogo indio, Subrahmanyam Jaishankar, o 13 de xaneiro de 2025 no Palacio de Viana.