O Magreb, Mediterráneo e Oriente Próximo, o noso espazo de veciñanza cara o sur, é unha rexión prioritaria para a acción exterior de España. Os efectos das actuais dinámicas globais, así como as súas propias transformacións internas, están xerando oportunidades e desafíos na rexión. Ante eles, España establece como obxectivos nese ámbito xeográfico o reforzo das relacións bilaterais, a estabilidade e o progreso da rexión, a través unha maior cooperación rexional, así como a resolución dos conflitos existentes.
Magreb
Integrada por Mauritania, Marrocos, Alxeria, Tunes e Libia, esta rexión do norte de África é estratéxica para España pola súa proximidade xeográfica, a súa vinculación histórica e o gran volume de intercambios humanos, económicos e culturais que se producen co noso país, así como pola importante presenza de poboación magrebí en España.
España, veciña.
O noso país subscribiu tratados de amizade, boa veciñanza e cooperación con tódolos Estados da rexión, coa excepción de Libia. Sobre esa base, o diálogo político a través das Reunións de Alto Nivel, das que se celebraron doce con Marrocos, oito con Tunes, sete con Alxeria e proximamente terá lugar a primeira con Mauritania. Ademais, España pretende reforzar as iniciativas de diplomacia económica, parlamentaria, científica, climática e cultural.
Reunión plenaria das delegacións dos Gobernos español e marroquí en 2023 | Pool Moncloa/Fernando Calvo
España, socia.
O volume de intercambios comerciais co Magreb ascende a uns 33 000 millóns de euros anuais. España é, desde 2012, o primeiro socio comercial de Marrocos que, á súa vez, é o primeiro destino africano e árabe das exportacións españolas, con case 20 000 empresas españolas operando no territorio. A relación económica con Alxeria é particularmente relevante no sector enerxético, pois fornece máis dunha cuarta parte do gas natural que importa España.
O reto migratorio.
A seguridade na rexión e o fluxo de movementos migratorios constitúen un desafío compartido por España, a Unión Europea e os países do Magreb. Desde hai máis dunha década, España desenvolve un enfoque integral en materia migratoria en estreita colaboración con Marrocos, Alxeria e Mauritania, países de orixe ou de tránsito dos tráficos irregulares que afectan o noso país no Mediterráneo Occidental e o Atlántico. España defende unha migración regular, ordenada e segura.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o presidente da República Islámica de Mauritania, Mohammed Cheikh El Ghazouani, comparecen en 2024. (Pool Moncloa/Fernando Calvo )
Cooperación activa.
España promove un maior achegamento da Unión Europea ós países do Magreb e un reforzo e desenvolvemento da Política Europea de Veciñanza nesta rexión. A Cooperación Española está presente en tódolos países magrebís con proxectos e Oficinas Técnicas de Cooperación. Fomenta o desenvolvemento sostible a través de instrumentos de cooperación técnica e financeira e ten un papel de liderado na subministración de axuda de emerxencia fronte a catástrofes.
Multilateralismo.
A cooperación co Magreb tamén se reforza a través de procesos de cooperación rexional como a Unión polo Mediterráneo (UpM) e o Foro de Diálogo do Mediterráneo Occidental ou «Diálogo 5+5», que favoreceron a consulta política e a cooperación sectorial entre as dúas ribeiras do Mediterráneo.
Oriente Próximo
Integrado por Arabia Saudita, Bahréin, Catar, Exipto, Emiratos Árabes Unidos, Iraq, Irán, Israel, Xordania, Kuwait, Líbano, Omán, Palestina, Siria e Iemen, trátase igualmente dunha área de especial importancia para España, coa que se fortaleceron considerablemente as relacións políticas, económicas e culturais nos últimos anos.
O reto da estabilidade
A situación na rexión está marcada por conflitos latentes como o de Siria e Iemen, a loita fronte a redutos de DAESH en Iraq e Siria ou a competencia polo liderado. Os atentados de Hamas do 7 de outubro de 2023 reactivaron o lonxevo conflito entre Israel e Palestina e provocaron a súa extensión ó Líbano, e o aumento da tensión rexional.
España involucrouse activamente na súa resolución desde a Conferencia de Paz de Madrid de 1991 e segue tentando contribuír de maneira construtiva, tanto no seo da Unión Europea como bilateralmente, apoiando a materialización da solución dos dous Estados. Para iso, realizou o recoñecemento do Estado de Palestina o 28 de maio de 2024, lanzado iniciativas como a Reunión de Madrid do 13 de setembro de 2024, e participado en tódalas iniciativas multilaterais para ese efecto, como a Alianza Global para a Solución de Dous Estados, lanzada en Nova York o 26 de setembro de 2024.
España apoia a estabilidade do Líbano e a aplicación íntegra da Resolución 1701 do Consello de Seguridade. Proba diso é a participación ininterrompida desde 2006 na Forza Interina de Nacións Unidas en Líbano (FINUL), que constitúe o seu maior despregamento nunha operación de mantemento da paz.
I Reunión Intergobernamental España – Palestina en novembro de 2024. | Pool Moncloa/Fernando Calvo
Relacións económicas fortes.
Desde unha perspectiva económica, España mantén excelentes relacións cos países do Golfo. Empresas españolas executaron proxectos emblemáticos, fundamentalmente en materia de infraestruturas —por exemplo o tren de alta velocidade que une as cidades de Medina, Yedda e A Meca (Arabia Saudita)—, pero tamén de lecer e cultura. As relacións bilaterais cos Estados do Golfo eleváronse ó nivel estratéxico, con Emiratos Árabes Unidos e Qatar.
Herdanza cultural
O desexo de achegamento entre España e os países do Magreb e de Oriente Próximo non pode prescindir da vertente cultural. Neste ámbito, a activa política das nosas Embaixadas na rexión, a iniciativa dos centros do Instituto Cervantes e as actividades da Casa Árabe, o Centro Sefarad Israel e a Casa Mediterráneo, facilitan o entendemento e a confianza mutua e o achegamento entre sociedades.