Experta en relacións internacionais e comercio, con máis de 20 anos de experiencia profesional, Arancha González Laya é ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Reino de España desde o 13 de xaneiro de 2020.
Licenciada en Dereito pola Universidade de Navarra, cun posgrao en Dereito Europeo pola Universidade Carlos III de Madrid, Arancha González Laya ten amplos coñecementos sobre relacións internacionais, comercio e economía, así como unha extensa experiencia nos sectores público e privado e na xestión de organizacións multilaterais. A súa lingua materna é o español, e tamén fala inglés, francés, alemán e italiano.
Antes de ocupar o seu cargo de ministra, Arancha González foi a directora executiva do Centro de Comercio Internacional (ITC), a axencia de desenvolvemento da ONU e da Organización Mundial do Comercio, desde setembro de 2013 ata o 12 de xaneiro de 2020.
Con anterioridade, Arancha González ocupou o posto de xefa do Gabinete do director xeral da Organización Mundial do Comercio (OMC), Pascal Lamy, entre os anos 2005 e 2013. Durante o seu exercicio na OMC, participou na posta en marcha da iniciativa «Ayuda para el Comercio» e actuou como representante (sherpa) do Sr. Lamy no G-20.
Ademais, Arancha González ocupou varios cargos na Comisión Europea, levando a cabo negociacións de acordos comerciais con países terceiros e apoiando os países en desenvolvemento nos seus esforzos por promover o comercio e o desenvolvemento. Entre os anos 2002 e 2004, foi voceira da Comisión Europea para o comercio e conselleira do comisario de Comercio da Unión Europea.
Arancha González Laya comezou a súa carreira no sector privado como socia dun despacho de avogados asesorando a empresas en cuestións relacionadas co comercio, a competencia e as axudas do Estado.